jueves, 19 de marzo de 2020

Charles Chaplin

As situacións de crisis sempre dan outras oportunidades.
Nós imos aproveitar para ver no blog diferentes cousas que na escola non da tempo a falar, ler, ver ou escoitar. 👍😉

Dende Sumando sen restar traballaremos para aprender sobre cultura popular: cine, música, literatura, ciencia, natureza, curiosidades, experimentos, fotografía, noticias...
💡📚📺📷🔬🔭🎨🎥🎶🎭🏀🚀🌍

Hoxe imos falar dun dos personaxes máis célebres do mundo cinematográfico.
Charles Chaplin. 🎬

MINI-BIOGRAFÍAS (Charles Chaplin)

Charles Chaplin naceu o 16 de abril de 1889 en Londres (Inglaterra), nunha familia moi humilde de teatreiros.

O seu pai abandonou a casa familiar cando o pequeno Charly tiña 4 anos. Desta maneira, a súa nai tivo que coidar del e dos seus irmáns por medio de pequenas representacións musicais e vivindo todos xuntos nunha pequena habitación de hotel.
A pesar das carencias económicas, o neno disfrutaba vendo a súa nai actuar, ata que un día, aos 5 anos, tivo que substituíla ao caer ela enferma. A actuación de Chaplin gustou moito! Co tempo, a súa pobre nai sería ingresada nun sanatorio por problemas mentais, polo que Charles Chaplin tivo que esforzarse e aprender por el mesmo. Deste xeito, desenvolveu unha grande capacidade de traballo e perfeccionamento.

Durante a súa mocidade foi contratado por unha prestixiosa compañía de teatro, coa cal Chaplin percorreu varios países, especializándose no xénero "music-hall", onde destacaba polo seu humor e o seu talento musical.

Durante unha xira polos EEUU, o artista foi descuberto por un produtor de cine que lle ofreceu un gran contrato para facer películas. Así é como o mozo Chaplin cambia o teatro polo cine. Ao pouco tempo xa era a estrela das súas curtametraxes cómicas. É nesta época cando crea o seu "alter-ego", o famoso personaxe Charlot. Este personaxe representa a un vagabundo que vive as máis variopintas aventuras, ou máis ben desventuras.

Charlot cobra vida en 1914, realizando unha grande cantidade de curtametraxes humorísticas. Pronto convírtese nun fenómeno mundial. Este éxito facilítalle acadar contratos moi ben remunerados e pódese permitir comprar o seu propio estudo de cine para traballar e crear con máis autonomía. Aos 26 anos, xa era un dos artistas mellor pagados do mundo. Era tan famoso, conta a lenda, que nun concurso de imitadores de Charlot, o propio cineasta presentouse, quedando no vinteavo posto!

Despois de decenas de películas curtas, roda "O chico", que supera a hora de metraxe por primeira vez e mestura o drama coa comedia.

Despois de ter moito éxito, en 1925 crea a súa propia produtora, United Artist, con outros artistas importantes da época como David W. Griffith, Douglas Fairbanks e Mary Pickford.

Ao cabo do tempo, aparece o son, que revoluciona as técnicas do mundo cinematográfico, xa que ata o de agora as películas eran totalmente mudas ou acompañadas de textos breves. 
Charles Chaplin oponse á introdución do son no cine, cústalle adaptarse aos novos tempos e segue a filmar películas mudas. Contra todo pronóstico acada grandes éxitos con títulos como "A quimera do ouro", "O circo", "Luces da cidade" ou "Tempos modernos".

Xa utilizando técnicas sonoras, en 1940 realiza "O gran dictador", onde ridiculiza os ideais nazis e ao seu líder, Adolf Hitler.

Despois de varios escándalos a causa da súa vida privada e por problemas políticos, Charles Chaplin é expulsado de EEUU e regresa a Europa.

Tras varios fracasos matrimoniais, aséntase coa súa última muller en Suíza, onde viven xuntos e felices cos seus oito fillos.

Na década dos´70 a saúde de Chaplin resíntese notablemente. En 1972 volve aos EEUU para recibir o Óscar Honorífico como recoñecemento a toda a súa carreira e en 1975 a raíña Isabel II de Inglaterra noméao Cabaleiro da Orde do Imperio Británico (a maior distinción que se lle pode otorgar a un cidadán inglés).

Fina mentres durmía, na madrugada do Nadal de 1977 aos 88 anos.


Aquí tedes algúns exemplos do seu extraordinario traballo! 😉🎥

No hay comentarios:

Publicar un comentario