Como sabedes, este ano foi o primeiro no que me aventurei en crear un blog educativo. Xa sabedes o "revello" que son e que non son moito das novas tecnoloxías, ou pode que agote a miña paciencia polas mañás no cole e pouca me queda para pelexarme co ordenador... quen sabe. 😅
O caso é que no verán anterior dinlle voltas para enfocar esta ferramenta. Non quería facer un blog máis de tantos que se fan onde o mestre/a escribe sobre excursións, festas de nadal ou finais de curso e pouco máis. Nin quería que fora eu só o partícipe del. Non quería que este blog fose meu, senón NOSO. Por iso, pedín a vosa participación en escribir textos, contar experiencias, fotos, vídeos...
Eu particularmente estou moi contento cos resultados deste ano. Nin por asomo tiña a intención de escribir cada día (unha por semana quizais), pero con todas as actividades que fixestes a nivel de aula e de escola, pensei que non debería gardalo. Traballastes moitísimo e penso que as familias agradecedes ver como os vosos fillos/as viven as súas experiencias na escola.
Quero darvos as gracias por estes dous anos, porque non sabedes o enriquecedores que foron para min, tanto a nivel profesional como, e sobre todo, a nivel persoal. Quérovos moito a cada un de vós e deséxovos todo o mellor. Farei todo o posible para facervos unha visita canto antes. Mentres, gozade do verán e recargade pilas para o próximo curso porque xa sabedes que cada ano esíxese máis. Recordade que con gañas e esforzo poderedes acadar todo o que queirades. 😉
Para as familias non teño máis que boas palabras e agradecementos. Nos bos e, sobre todo, nos malos momentos estivestes coa boa actitude de colaborar e apoiar. Sentinme comprendido e respaldado por todos vós e entendestes que todo o que fixen foi polo ben dos vosos fillos e fillas. Son consciente de que cometín erros e asegúrovos de que tomarei nota para mellorar.
Seguide facéndoo tan ben cos vosos fillos/as!
Pola miña parte remato. Deixo o turno a vosa compañeira Ainara, que quixo escribir unha despedida final e penso que ben pode ser de parte de todos vós.
Ata sempre! 😘😘😘
FIN DE CURSO 4ºA E.P.
RIMA
Hoxe quero a todos cantar
unha historia con final.
Repítese cada ano,
tedes gañas de escoitar?
Fai nove longos meses,
nenos, nenas e familias
chegamos a este lugar
e alí estaba Aleixo de novo,
para darnos a benvida
seguro que se abrían
novos camiños nas nosas vidas.
E agora chegadas á meta,
toca dar a despedida!
MOMENTO DE DÁRNOLAS GRAZAS E DESPEDIRNOS
Estamos no final de curso, alá vai 4º de primaria. Outro curso máis que se nos vai case sen darnos conta. É un momento de ledicia, pero ó mesmo tempo de tristeza polas despedidas... Os alumnos/as despedímonos do noso mestre Aleixo. Non lle podemos decir "ata o curso que ven", pero si decirlle un "ata sempre".
Por este motivo é un bo momento para mostrar o noso agradecemento por todo o que aprendimos os uns dos outros. Demostrar que nos valoramos e recoñecemos a nosa aprendizaxe, que foi de gran axuda para o noso crecemento e transmitirnos unha mensaxe: somos un auténtico EQUIPO.
![]() |
Viva Conxo! |
![]() |
Viva o Cardeal Quiroga Palacios! |
![]() |
Viva 4ºA! |
😍