Nas primeiras sesións estivemos a falar de varias cousas moi interesantes: os agasallos de nadal, os desexos verdadeiramente importantes, a publicidade sexista e o mural que queremos facer á volta das vacacións, os libros recomendados para ler, os libros de lectura para este curso e que podemos pedir ou comprar (Bruxa e familia e Muriel)...
Despois, chegou o momento dos ensaios antes de ir a 1º a dramatizar unha breve obra de teatro titulada "Los tres Reyes Magos griposos", ler o conto de nadal "El gran deseo de Marta" (escrito pola irmá maior de Ainara) e cantar a canción de Mamá Cabra, "Xa me tardan", entre todos e todas.
O momento chegou e baixamos a 1ºB. A obra de teatro, interpretada por Noa, Ana e Adrián coa colaboración de Uxía, foi todo un éxito seguido de moitos aplausos!
Interpretación para 1ºB
O conto, moi ben lido por Ainara e Simón, foi seguido atentamente polos nenos pequenos. Coa canción de Mamá Cabra a festa desmadrouse, con todos os nenos e nenas cantando e bailando uns cos outros! Incluso as profes tamén se animaron!
Despois do recreo, subimos a clase, e intercambiamos interpretacións cos nosos compañeiros/as de 4ºB. Eles cantáronnos unha panxoliña grupal e nós representamos de novo a obra de teatro e limos o conto.
Interpretación para 4ºB
Pero aí non quedou a cousa. Xa na nosa aula, recibimos a visita dos tres Reis Magos de Oriente! Metimos na urna que levaban os nosos desexos anteriormente escritos e, unha vez máis, Noa, Ana e Adrián representaron a obra diante deles, xa que lles facía moita ilusión. Eles alucinaron do ben que o fixeron! E como agradecemento déronnos caramelos.
Xa para finalizar e rebaixar un pouco os ánimos, rematamos a mañá cunha película, Polar Express.
O día estivo tan cheo de sorpresas que ata tiven a honra de ser, por un día, o mestre do mismísimo Papá Noel! 😜
En fin, un día moi divertido cheo de bos desexos para todos e para todas! 🎄🎅🎆🎉🎊
Bo Nadal e felices festas! 👋😘