Por outra banda, temos que ser conscientes e críticos con esta "invasión" de caveiras, cabazas, máscaras, disfraces... Non deixa de ser algo importado do estranxeiro que non ten moito que ver coa nosa cultura e si coa cultura do consumo.
É unha mágoa que esta festa se distorsione e se "americanice", cando nós temos o noso propio Samaín ao pertencer a unha terra con antepasados celtas.
Hai moitas versións sobre a orixe da festa do Samaín. En xeral, o Samaín relaciónase coa celebración pagana do fin do verán e o comezo do inverno. Na cultura celta, a noite do 31 de outubro era a noite máis perigosa e terrorífica do ano, xa que as portas do outro mundo abríanse para que as ánimas puideran visitar o noso mundo. Para poder evitalas, a xente adoitaba poñer nas ventás ou nas portas das casas caveiras, nabos e máis tarde cabazas iluminadas cunha candea no seu interior.
En Galicia estes costumes mantivéronse, mesturando a honra aos mortos e o culto á morte (día de defuntos) tan arraigado na Galicia tradicional co Magosto. Dependendo da zona, en Galicia podemos atopar celebracións moi parecidas, aínda que con nomes diferentes: calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón na zona de Cedeira, colondros por Ourense, calabazotes en Ortigueira, a festa da Noite meiga en Ribadavia... Coñecedes vós outros?
Nesta época do ano, na nosa terra escóitase falar moito de personaxes mitolóxicos galegos como a Santa compaña, os trasnos, as bruxas ou o lobishome. Con isto, os diferentes equipos de investigación faremos un traballo!
Tamén hai coñecidos refráns desta época como:
"No día de defuntos, memoria e frío van xuntos".
"A cabaza e o queixo, sempre ao peso".
"Quen moito ameaza, o medo tenlo na casa".
Coñecedes algún refrán para esta época do ano? Poñédeo nun comentario se é así!
Por último déixovos unhas adiviñas, a ver se sodes capaces de solucionalas!
(Resolvede unha adiviña por persoa para maior participación).
1. Voa coma un lucecú,
non lle gusta o allo
nin a luz.
2. Vou de branco
e cando aparezo,
a todos espanto!
3. Ten dentes e non come,
ten cabeza e non é un home!
4. Ten unha vasoira que é un avión,
un sombreiro moi vello
e un gran narizón! .







